quarta-feira, 29 de julho de 2009

Unha "pirusalda" de alén Eo

O vindeiro sábado, se o clima acompaña e este verán desquiciante nos dá unha pequena tregua, habemos ter a ocasión de desfrutar da música dos irmáns Tejedor na Carballeira de Zas. Aínda que hai tempo que lles perdín o rastro, creo non equivocarme cando digo que seguen a ser un dos grupos de referencia do folque asturiano, sobre todo no que ten que ver coas gañas de innovar e de abrir camiños cara a sonoridades distintas. Algo sempre louvábel, por outra banda, nun xénero como é a música celta, que ás veces tende en exceso cara á repetición de modelos xa coñecidos. Unha tendencia, por certo, aínda máis visíbel se cadra (e vaia este comentario sen ánimo de ofender a ninguén) na música folque asturiana, que até a irrupción de bandas como Tejedor levaba décadas repitindo até a saciedade os esquemas ensaiados no seu día polos Llan de Cubel.
Sempre me chamou a atención que á música galega (que neste sentido sempre apostou por unha heteroxeneidade e diversidade moito maiores, pois no noso panorama folque conviviron grupos con conceptos e puntos de partida tan dispares como os Milladoiro, Berrogüetto ou Na Lúa) se lle reprochase por parte de moitos críticos musicais unha excesiva dependencia das sonoridades irlandesas e escocesas, especialmente a raíz do fenómeno sen precedentes que supuxo neste sentido Milladoiro. Agora ben, aínda me falta por escoitar unha opinión deste tipo referida ao folque asturiano, no que esa dependencia acadou tintes moito máis excesivos, por así dicilo, chegando a conformar unha estética que hoxe podemos recoñecer como "asturiana", pero que en determinados momentos soaba a copia doutras cousas (e conste que isto o di alguén que non comunga para nada con certos "talibáns da gaita" enfermos de purismo acrítico...). Este tema obsérvase tamén, por exemplo, no ámbito das bandas de gaitas, onde os asturianos asimilaron sen maior pudor a estrutura das pipe bands escocesas. E nótase, en xeral, no distinto tratamento que Galiza e Asturias teñen a nivel mediático desde o Estado español: ambas as dúas representan o exótico norte, a non-meseta, a néboa, a balada, a gaita e o emigrante, entre outros moitos tópicos; agora ben, uns (os galegos) son demasiado distintos e por tanto menos "publicitábeis", mentres que outros, os asturianos, son máis dóciles, aparentan máis leais, emociónanse con cada visita do Príncipe de España e, por esta e outras demostracións, semellan ser dignos dunha maior repercusión. Aínda que iso supoña meternos a sidra e a Santina polas orellas cada vez que asexa pola pantalla do televisor un artista, deportista ou cociñeiro das Asturias.
En fin, cuestións
coma esta, que veñen alimentando a difícil relación cos nosos curmáns de alén do río Eo, darían ao mellor para un blogue monográfico. E tampouco é cuestión de andar pisando nas leiras alleas, que abondo temos que arranxar nas nosas propias...
Indo pois ao que nos importa, que é a música e o que esa música nos evoca e nos fai desfrutar. déixovos aquí un vídeo cun dos temas máis coñecidos dos irmáns Tejedor, o "Saltón de Teixois", para o que conta nesta ocasión coa colaboración dun dos monstros da música irlandesa, o prodixioso Niall Vallely, un auténtico portento coa concertina e irmán de Cillian Vallely, o gaiteiro de Lúnasa. O saltón, como ben saben todos os afeccionados ao folque, é un xénero da música tradicional asturiana que tamén recibe o nome de xiringüelu e cuxas características rítmicas non se circunscriben só ao territorio do Principado, senón que chega polo leste até Euskal Herria e por suposto conta con representación na música galega. De feito, no leste de Lugo e nas terras da Mariña atendía ao chamadoiro de pirusalda e, segundo parece, chegou a ser moi popular na área de Mondoñedo, onde adoitaba ser interpretada por cuartetos.
Esta peza, ademais, non deixa de ter certas connotacións para nós, pois Os Teixois é un lugar do concello de Taramundi, terra fronteiriza de montañas e navallas e que tanto cultural como lingüisticamente é galega até a medula.

domingo, 26 de julho de 2009

De vellas, porcos e espigas marabillosas

Oferézovos hoxe un artiguiño que encontrei nas páxinas d'El Progreso. O seu autor é Antón Reigosa, sen dúbida un dos meirandes especialistas en mitoloxía popular e coautor dunha das xoias da literatura especializada sobre o tema, o coñecido Dicionario dos Seres Míticos Galegos. O texto trata dunha lenda existente en torno ao Castelo do Picato, un monte do concello de Outeiro de Rei no que existiu unha fortificación prerromana e no que a memoria popular situou a morada dos mouros. Fálanos dunha vella moura, da inevitábel curiosidade feminina que se repite en todas as lendas deste tipo, dos porcos como animais máxicos e da fabulosa herba das tres espigas que desenterra a lembranza de vellas deusas agrarias, das antigas donas da terra. Daquela época na que, parafrasando a Ferrín nun dos poemas de Estirpe, mulleres estrañas gobernaban o mundo...

A herba da marabilla do Castelo do Picato

O Castelo do Picato é unha penedía maxestosa que está na parroquia de San Lourenzo de Aguiar, no concello de Outeiro de Rei. Desde o curuto, pódese agatuñar ata o bico por uns chanzos irregulares escavados na pena, vese a Terra Chá coma unha alfombra de herba mol a piques de levitar.

Debaixo deste castelo de pedra hai un pazo onde viven mouros e mouras aínda que agora, por mor das silvas e das hedras que alí medran, non se atina ben coa porta de entrada.

En certa ocasión a unha veciña da aldea máis achegada desapareceulle un porco e foi tras del ata o Castelo do Picato. Chamou e por entre os penedos viu saír o rancho e unha vella. O animal engordara, víase que fora ben tratado, e a vella, unha moura principal, preguntoulle polo prezo. A muller, sabedora de que os mouros soen ser xenerosos, díxolle que lle dese a vontade.

-Pois toma esta mantela, pero non a abras ata que chegues á casa.

A muller non fixo caso. Cando ía polo camiño desanoou a mantela e só viu unha presada de carbóns que baleirou no chan. Cando chegou á casa, mentres lle contaba ao marido a burla da vella moura, sacudiu de novo a mantela e caeron ao chan dúas pedriñas de ouro. Só dúas; as outras xa se esvaeran para sempre.

No comezo da primavera de 1998, cando andabamos coa preparación do Dicionario dos Seres Míticos Galegos, visitamos o Castelo do Picato. Un rapaz duns vinte anos, da casa propietaria daquelas fincas, revelounos unha historia fabulosa. Alí, e só alí, nos arredores dos penedos medra unha herba que dá tres espigas: centeo, millo e trigo. A planta marabillosa coa que os mouros e as mouras poden manter tan ben mantidos os porcos da veciñanza.

Mágoa que non fose sazón para vela.

Jesús Rodríguez López, en Gallegadas con alegrías de la tierra en verso y en prosa (Madrid, 1908) recrea con detalle a lenda da vella e o porco, e, ao tempo, amosa un aquel de desprezo pola inxenuidade da xente que acredita nestas historias.

Deméter e Ceres, as deusas grega e romana da agricultura, represéntanse con espigas como atributos. En Alsacia refírese a aparición marabillosa dunha Virxe María con tres espigas na man. A vella moura do Castelo do Picato é a memoria dunha antiga deusa da agricultura.

quarta-feira, 22 de julho de 2009

Vai o raposo ferido de violín...

En xaneiro de 1951, Alan Lomax (verdadeiro pope e pioneiro na investigación das músicas tradicionais do mundo enteiro, e a quen tanto hai que agradecerlle aínda hoxe desde Galiza) desembarcou no porto irlandés de Rosslare para iniciar unha xeira que o levaria a gravar a música de ducias de intérpretes da máis xenuína música gaélica. O disco resultante, The Irish Recordings, leva nas miñas mans uns tres anos e é sen dúbida unha das poucas xoias que me enorgullezo de posuír, desas que un escoita con certo respecto sagrado e só naquelas ocasións que semellan propicias.
Irlanda, pois. A costa oeste, inzada de músicos e de visionarios, como nos poemas de Seamus Heaney. Polos círculos concéntricos desas gravacións de Alan Lomax desfilan cantantes como Elizabeth Cronin, gaiteiros como Seamus Ennis e, por suposto, os imprescindíbeis violinistas. A un deles, de nome Mickey Doherty e procedente do condado de Donegal, gravoulle Alan Lomax unha peza intitulada "The Fox Chase". Na realidade, o tema vén sendo a versión enxebre dunha canción coñecida na tradición inglesa baixo o nome de "The Little Red Fox" e que, tal e como doadamente se infire do título, describía mediante unha melodía complexa e case histérica por momentos esa tradición tan británica como bárbara (se é que non hai certa sinonimia entre estes dous termos) que é a caza do raposo. Mickey Doherty, como comprobaredes, leva a expresividade da melodía até límites que estremecen, e obséquianos cunha lección de música descritiva feita desde os cauces do popular. O resultado é incríbel, pois está enchoupado dun vangardismo que a miúdo nos sorprende cando conserva aínda ese cheiro a taberna, a carqueixa, ese apego ao mato húmido e ás certezas do clima... E é que, durante uns segundos, Mickey Doherty obra a milagre e o violín metamorfoséase nun raposo agonizante, alcanzado na súa fuxida polos cazadores e os seus cans, laiándose a coitada criatura mentres un rego de sangue esvara por entre a follaxe do outono. No momento do clímax, cando a tensión da melodía rota se volve case insoportábel e a dor evocada chega a sernos propia, o músico racha o ritmo traballosamente construído e acomete con potencia, digamos que mesmo con alegría, unha jig abondo coñecida por todos os amantes da música irlandesa como é "The Fox Hunter's Jig", obxecto de múltiples e fermosas versións como a que dela fixeron The Chieftains no seu inimitábel The Chieftains Live, ou os mesmos Lúnasa en épocas máis recentes.
Mais como un sempre ten ese prurito algo parvo da estética, permitinme adornar esta canción con imaxes antigas doutros violinistas de aquí e mais de acolá, dunha beira e doutra dese vasto mar familiar que xungue esta e mais a outra Irlanda. E así veredes os rostros contorsionados pola música de mestres como Dennis Murphy, Ted Furey, Paddy O'Keeffe ou o mesmo Mickey Doherty ao carón dos de Florencio dos Vilares ou a Cega de Miranda, noutrora grande animadora de feiras coma a de Parga e cuxa arte aínda lembra con admiración xente da idade de meu avó. Xentes que, como ben dixo Quico Cadaval nunha inesquecíbel conferencia, emerxían desde o anonimato da súa condición popular para convertérense, durante uns minutos ou uns días, artistas de sona e creto, protagonistas do retrato e do gramófono e, de novo, retornaren ao fragor do cotián...

video

domingo, 19 de julho de 2009

Habemus Carballeiram

Con algo máis de antelación que en anos anteriores, os amigos da Festa da Carballeira de Zas deron a coñecer o cartaz da edición deste ano e os grupos que nos deleitarán coa súa música na noite do vindeiro 1 de agosto. E o certo é que o nível mantense con respecto ao ano pasado, pois nesta ocasión achegaranse á vila soneirense algunhas das bandas máis coñecidas (e recoñecidas) dos seus respectivos países de orixe.
Así pois, desde Asturies teremos os irmáns Tejedor, no seu día auténticos renovadores da escena musical ástur con aquel mítico Texedores de suañus mais aos que debo admitir que lles perdín a pista demasiado desde hai uns cantos anos. Iso si, aínda conservo nunha vella e obsoleta cassette a gravación do seu concerto de presentación no Teatro Jovellanos de Xixón, rodeados de verdadeiros monstros da música celta como Michael McGoldrick, Phil Cunningham ou o impresionante cantante Chus Pedro.
Pola súa banda, a representación galega correrá a cargo dos Mutenrohi do polifacético e inquedo guitarrista Fasero, e d'O Sonoro Maxín, que serán segundo parece os encargados de pechar a noite cunha proposta a medio camiño entre o reggae, o ska e a música das verbenas de toda a vida.
Mais se hai un grupo que salienta por riba de todos os demais (aínda que só sexa polo que toca ao renome acadado e á proxección internacional da que goza), ese é sen dúbida Capercaillie. Os amigos da Carballeira seguen na súa liña de incluír un grupo estelar en cada edición, e se hai tres anos foran os Lúnasa e o ano pasado lles tocara aos Wolfstone, é agora a quenda da lendaria banda liderada polo acordeonista e teclista Donald Shaw. Destacan nesta formación o frautista Michael McGoldrick (ben sabedes que é unha das miñas debilidades persoais), recén chegado do Festival de Ortigueira, e mais a impresionante voz de Karen Matheson, quizais unha das tres mellores cantantes gaélicas do momento, con permiso doutras intérpretes non menos poderosas como Alyth McCormack ou a canadiana de Cape Breton Mary Jane Lamond.
Celebrando pois que esta pléiade de musicazos escoceses aterren na Carballeira para porlle banda sonora ás cervexas e ás racións de empanada e churrasco, déixovos aquí este vídeo no que Capercaillie interpretan un dos seus temas máis coñecidos, "The Tree", e fano en rigoroso directo desde as instalacións da Radio Galega. A gravación ten os seus anos (xa vai para dez, se non me falla a memoria... fixádevos que aínda Budiño tiña guedellas!), mais cónstame que o directo destes xenios non perdeu nin unha migalla de espectacularidade e de calidade. Boa Carballeira pois e arú!


quinta-feira, 16 de julho de 2009

O Cruceiro do Piñeiro (Allariz)

Hai historias terríbeis, desgrazas extraordinarias que se asentan na memoria e na fala das xentes coa potencia hiperbólica dunha lenda popular.
Nestes últimos meses, ao andarmos embarcados nun proxecto de recolleita de toponimia menor ao longo da Vía da Prata, foron moitos os momentos nos que tivemos ocasión de conectar con esa memoria popular de límites difusos, cuxos piares sempre parecen estar nun equilibrio precario. Parece, en efecto, que nas historias que nos contan espontaneamente os falantes hai sempre un risco inminente de esfarelamento, un latexo de contradición e de fragmentarismo que é o que as dota precisamente da súa autenticidade, o que as fai vivas, coma as imaxes gravadas nunha parede cando as ilumina unha luz tremelante.
E entre esas historias están (como non!) desgrazas extraordinarias, esaxeradas, hiperbólicas. Dignas do cartelón e da voz queixumosa dun cego das feiras. Só cando as encontramos días despois confirmadas polos documentos podemos crer na verdade do que nos contaran. Aínda que, de sermos sinceros, un móvese mellor e con máis facilidade nos terreos da indeterminación, e agradece, ante a certeza do si e do non, o eido aberto que sempre nos deixa un seica.
Xa o dicía Castelao por boca do entrañábel don Froitoso: a verdade ten semellanzas coa morte...

Mais vaiamos ao conto.
En Allariz dixéronnos dun cruceiro, o Cruceiro do Piñeiro, a cuxo carón houbera noutrora unha capela dedicada a San Salvador e situada a pouca distancia da antiga calzada romana, aínda hoxe coñecida polos paisanos como A Calzada. Pois ben, a xente falábanos de que nesa capela ocorrera unha desgraza que, matices á marxe, viña consistindo no seguint: un lóstrego entrara por unha das ventás e, ao estar a porta pechada por mor de estar a se celebrar a misa, produciuse un incendio tremendísimo que acabou coa vida dos fregueses alí presentes e destruíu a capela. E contaban isto as xentes como se estivesen a lembrar unha historia moi antiga, de moitos anos atrás, quizais herdada a través da saliva quente e estremecida do avó. Unhas horas máis tarde, cando por fin atopamos o cruceiro, comprobamos que todo fora verdade, e que había unha data: 24 de xuño de 1902. Como quen di, antonte. Ese foi o día da catástrofe, o día que lembra o monumento ergueito no lugar.
Nin que dicir ten que un arreguizo nos subiu polo lombo nese momento. E, tal e como pregan a miúdo esas inscricións nas igrexas que instan ao peregrino a lembrar na súa oracións as ánimas en pena, tamén nós nos sentimos tentados a besbellar un pequeno rezo por todos aqueles coitados devorados polo lume e sepultados polas trabes e a pedra da vella capela de San Salvador...

quarta-feira, 15 de julho de 2009

Regueifa-kabuki en versos rotos

Shing02 é un artista peculiar. Descubrino na banda sonora dunha serie de culto, estraña, extravagante, magnética: Samurai Champloo. A partir de aí, buceando polas correntes do Youtube, fun encontrando vídeos que falan dun músico cando menos suxerente, con pezas cheas de enerxía, coa potencia exótica que pode esperarse dun hip-hop feito en xaponés.
Este vídeo que hoxe vos deixo aquí é unha mostra. O tema chámase Whirlwind, e fala dunha estraña figura futurista que aparece certo día nunha vila anodina e deprimida para despertar a creatividade dos seus habitantes e posteriormente desaparecer entre a neve da mañá. Non me digades que a imaxe que deixa esta sinopse non é suxestiva! Pois xa veredes a posta en escena, que tampouco ten desperdicio, con Shing02 imitando tal vez un deses cegos dos camiños que desde a profunda escuridade cantaban e lograban historias fascinantes, improvisadas moitas veces, nesa liña difusa que une o hip-hop co brindo montañés ou a regueifa bergantiñá...


Co sacho ao lombo, volvendo á leira

E velaquí andamos de novo. Parece que toca regreso, despois de varios meses de letargo que, a dicir verdade, xa semellaba un coma irreversíbel. Alá quedan as leiras longamente traballadas dos Fianna chairego-irlandeses que moitos e bos amigos seguiron durante case tres anos cunha devoción e un interese do que seguramente non eran merecentes. E despois de tantos meses abandonadas, coas leiras deixadas a monte e as xestas á altura da cabeza, non era cousa de porse a rozar nelas, que non creo que haxa fouciño, gateño nin lombo que ature tanto traballiño xunto e de vez.
Así que puxémoslle a cancela á leira e compramos outra na parroquia do lado. Deixémolo así.
É unha leira xeitosa, mais humilde. Acudirei a traballala de moito en moito, cando teña vagar e ánimo, cando me deixe tempiño esta vida medio tola na que ando embarcado. Mais, así e todo, tamén espero que esta leiriña non chegue a criar silvas con tanta facilidade como aqueloutra que deixei na parroquia do lado.
O dito, xentiña. Benvidos de novo. Abride a cancela e entrade. E collede do que hai, que para iso está. E xa sabedes: se queredes botarlle man ao sacho, aquí hai leira para todos.